Terra baixa Àngel Guimerà Tradución de Marcos Abalde Covelo Terra baixa Àngel Guimerà Tradución de Marcos Abalde Covelo “O Hamlet catalán”, así define Calixto Bieito Terra baixa. No mesmo sentido, o director de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa, califica a Àngel Guimerà como “o Shakespeare catalán”. Con certeza, Terra baixa é a obra máis emblemática do teatro catalán e Àngel Guimerà, o patriarca da Renaixença, candidato durante dezasete anos ao premio Nobel de literatura. Esta peza, estreada en 1896, é a de maior proxección internacional da cultura do Principat. Foi traducida a numerosas linguas (castelán, francés, alemán, inglés, italiano, portugués, esperanto, ruso, sueco, checo...) e levada á ópera polo alemán Eugène d'Albert co título Tiefland (Praga, 1903) e polo belga Fernidand Le Borne co de La catalane (París 1907). Mesmo chegaron a facerse varias versións cinematográficas, salientan a da Paramount (1914), a de Mizoguchi (1924), a de Leni Riefenstahl (1940-44) ou a da propia Fura dels Baus estreada na TV3 o 11 de setembro de 2011. En Terra baixa, Guimerà abandona o teatro histórico en verso e decide escribir un drama realista para exaltar a carraxe dos humildes contra o caciquismo. Os protagonistas simbolizan tres espazos en conflito: Manelic, un pastor da terra alta; Sebastià, o amo da terra baixa; e Marta, unha rapaza chegada dunha terra aínda máis baixa e forzada a manter relacións íntimas con Sebastià. O grito final de Manelic “matei o lobo” atravesa a historia do teatro catalán e alicerza a conciencia de dignidade de todo un pobo. Ademais, esta bravura foi moi ben recibida no noso país, pois Manelic encarna esa mocidade insurrecta coa que soñara Curros xa en 1880: Mociños honrados de sangue bravía, si ó mal dos petrucios non fordes alleos, librádeos da morte, ¡facei montería nos lobos da terra, nos lobos dos ceos! Terra baixa inspira o teatro galeguista do momento fiel á lingua do pobo e, ao mesmo tempo, comprometido coa utopía da redención social. É fácil comprendermos o entusiasmo de Antón Vilar Ponte con esta obra. Entre os seus proxectos estivo traducila e a Escola Dramática Galega de Sánchez Miño chegou a encenar esta versión no Teatro Xofre de Ferrol en 1913. Na cultura catalá, a rebelión de Marta e Manelic atinxe a forza do mito. Poderíase comparar este xesto co do Balbino de Neira Vilas que, despois de recibir unha malleira brutal, consegue erguerse e cóspelle na cara a “ese lobo chamado señor”. Por iso, Terra baixa será a peza escollida polo propio Piscator para montar na Barcelona de 1938. Hoxe, no regreso que padecemos a unha sociedade neofeudal, o grito deste Manelic subsahariano, deste Hamlet labrego, deste Balbino catalán continúa a mostrarnos o camiño certo para a liberdade. Terra baixa À G NGEL UIMERÀ P ERSONAXES MARTA PEPA NURI ANTÒNIA MANELIC SEBASTIÀ TOMÀS MONSEÑOR JOSEP CANDEAL NANDO PERRUCA LABREGOS E LABREGAS A escena na terra baixa de Cataluña e nos nosos días. Acto primeiro ESCENA I Casa-muíño de labrador. A cociña. Ao fondo, banda esquerda, unha porta sobre dous chanzos, que estará cuberta por unha cortina. Ao fondo, banda dereita, unha porta grande que dá a un alpendre. Polo lado dereito do alpendre vaise cara ao lugar das moas, para alén do alpendre hai casas, árbores, etc. Á banda dereita da escena, unha porta. Á banda esquerda, en primeiro termo, a lareira, e en segundo termo unha porta pequena. No medio da escena unha mesa de xantar. Por todos os lados cadeiras, escanos, apeiros do muíño, sacos de trigo, etc. É á tardiña. CANDEAL cribando trigo. Despois PEPA e ANTÒNIA. CANDEAL A min tanto me ten que este trigo quede limpo ou non. (Baleira a criba e volve enchela.) Ala, e que lle amargue ao amo! PEPA, entra cun cesto de feixóns para debullar. Deus vos garde. CANDEAL Vaia! As de aquí ao lado! ANTÒNIA, entrando. Ola, Candeal! CANDEAL, indiferente. Ola. PEPA Vimos para acompañar a Marta. Parece mentira! O muíño ao pé da casa e se nós non chegamos a vir... Non si, Candeal? CANDEAL, continuando a cribar indiferente. Si, si. ANTÒNIA, gritando. Marta! Marta! PEPA, gritando. Somos as Perdigones. Sae! CANDEAL A Marta non vai saír. Se vindes a murmurar, xa vos podedes ir. Aquí non hai nada que cheirar. PEPA, sentando. Que pensa este? Oes, eu estou a debullar os feixóns para a cea. Axúdame, Antònia. ANTÒNIA, a Pepa. Pregúntalle polo casamento. PEPA, a Antònia. Agarda. ANTÒNIA Vamos, muller! PEPA Logo... logo a Marta casa ou non casa? CANDEAL, cantando e cribando. Búrlase. “Na beira, na beira, na beira do mar/ hai unha lanchiña para ir a navegar...” ANTÒNIA, a Pepa. Insiste. PEPA Candeal, logo casa, non é? CANDEAL Pepa!... PEPA Que foi? CANDEAL E vós casades ou non casades? PEPA Mira co que sae este agora! ANTÒNIA Que lle vas facer? CANDEAL Como xa pasastes a flor da mocidade... Que a Antònia ha de andar polos corenta (A Pepa). E ti, mociña, máis ou menos! PEPA Nós non agochamos os anos! CANDEAL Cantos, entón, cantos? ANTÒNIA Temos... os que nos dá a gana! PEPA Debulla, muller! (Facéndose a cariñosa.) Oes, Candeal, nós queriamos saber como vai iso da Marta... CANDEAL, sen deixala continuar. Non sei que tendes todos os Perdigóns, que ninguén vos peta á porta. PEPA Se eu quixese casar!.. (Irritada.) ANTÒNIA E eu, ves! Eu que... (Dino as dúas xuntas.) CANDEAL, non as deixa falar. Voso irmán máis vello, o Josep, vai casar e, ala, aos catro días acaba viúvo. O Nando é solteiro e... nada, que neste momento andades para merecer entre homes e mulleres os cinco irmáns. (Queren interrompelo. El ri.) Cinco desemparellados e que están ao que salte... e non dan feito. E vaia, que se non casa a Nuri cando sexa máis grandiña, vaise perder a raza dos Perdigóns. (Volve cribar rindo desvergoñado.) PEPA Todo isto é por rabia, Antònia, porque non puido casar coa Marta. CANDEAL, cantando e burlándose. “Na beira, na beira, na beira do mar/ hai unha lanchiña para ir a navegar...” PEPA Desde que morreu o pai da Marta, tes o corpo cheo de veleno! Abofé pensaches: morreu o muiñeiro, agora han de casarme coa muiñeira. E repara: diso xa hai un ano e estragáronche o casamento, como a nós. CANDEAL Máis vale cantar. (Continúa a cantar.) ANTÒNIA Que cara tes!... PEPA Debulla! Non ves que lle enchemos o papo? ESCENA II PEPA, ANTÒNIA, CANDEAL e NURI, que vén calcetando unha zamarra. NURI, desde a porta. Xa metín os pavos dentro. Podo ir? ANTÒNIA Vén, muller! NURI Como sempre me rifades por andar coa Marta. Ela quéreme máis ca vós. Ai de min! PEPA En fin, fala de aquilo, de aquilo. (Candeal entra e sae do alpendre, traballando.) NURI Primeiro... Primeiro cólleme estes puntos. De andar ás présas, prendín a zamarra nunhas silvas (Recólleos Antònia.)
Description: