Description:Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas de 2015 en homenaxe a Xosé F. Filgueira Valverde, o Consello da Cultura Galega publicou en edición facsimilar Os nenos, a primeira obra literaria do autor. Trátase dunha peza literaria curta, composta por quince historias breves que narran sucedidos de nenos de vila e de aldea, con referencias territoriais non moi precisas a varios lugares que ben poderían identificarse coas que serían as cidades máis amadas polo autor: Pontevedra e Santiago de Compostela. Alén dos textos, a edición orixinal preséntase ilustrada polas «ornamentacións» doutro pontevedrés, Luís Pintos Fonseca, e polo deseño da capa e da contracapa por parte do «xenial artista» Alfonso Castelao. Hónrase así a memoria dun dos grandes polígrafos da cultura galega do século pasado, á que contribuíu cunha extensa obra persoal de creación e de investigación en varios campos humanísticos e coa súa imlicación na fundación de institucións moi principais da cultura galega, desde o Seminario de Estudos Galegos ata o Museo de Pontevedra.