Description:Lois Tobío Fernández é unha figura fundamental no galeguismo do século XX. Especialmente preocupado polo noso rexurdir colectivo e polas claves para nos enxergar no mundo sen por iso esvaecer a nosa forma de ser, encarna como poucos a «Galicia, célula de universalidade», que axudou a conformar dende diferentes ámbitos, dende a política á cultura, na teoría e na praxe. Este volume recolle diversos estudos que afondan na súa traxectoria en tres ámbitos esenciais para coñecer o seu armazón intelectual. Trátase da súa militancia no galeguismo, tanto na preguerra como na posguerra, e as súas vocacións de tradutor e xornalista que sempre o acompañaron. As e os relatores, profundos coñecedores de Tobío e da súa obra, achegan valiosas análises que representan unha contribución singular para trazar as características esenciais da súa biografía.